Naturgy activa un plan de formación centrado no sector eléctrico dirixido aos territorios dos proxectos de repotenciación de parques eólicos

Abre inscricións na primeira acción: “Formación profesional para a empregabilidade en dixitalización de redes eléctricas”

Valdoviño, 9 de setembro do 2025. Naturgy promove un plan de formación dirixido á veciñanza dos territorios nos que, como Valdoviño, levará a cabo proxectos de repotenciación de parques eólicos. A firma avanza tres dos cursos incluídos no programa, co que busca mellorar as oportunidades de capacitación nun sector, o eléctrico, estratéxico e en constante evolución, e abre inscricións para o primeiro: «Formación profesional para a empregabilidade en dixitalización de redes eléctricas». De 80 horas de duración, impartirase alternando as sesións online e en aula virtual. Comeza xa, o 6 de outubro, e prolongarase ata o 14 de novembro. Con prazas limitadas, a inscrición debe realizarse a través dun formulario na web da Fundación Naturgy: ACCESO FORMULARIO

Está dirixido preferentemente a mozos e mozas en búsqueda de emprego; docentes e alumnado de FP que desexen reforzar coñecementos, así como a profesionais do sector que precisen actualización e/ou reciclaxe, e persoas que desexen mellorar a súa empregabilidade. Iso si, pertencentes aos territorios dos proxectos de repotenciación de parques eólicos na provincia de Coruña.

Os principais obxectivos da formación son:

  • Comprender os fundamentos da dixitalización e o seu impacto na operación das redes eléctricas.
  • Familiarizarse con tecnoloxías clave como arquitecturas Edge, protocolos de comunicación e smart metering.
  • Desenvolver competencias técnicas aplicables a contornas industriais e empresariais ligadas ao sector enerxético.
  • Aportar competencias transversais: comunicación, mercado laboral actual, estratexias de búsqueda de emprego e sesións prácticas.

Así, os contidos estrutúranse en 5 módulos:

  • Arquitectura e sistemas de comunicación
  • Dixitalización e medición
  • Converxencia TI/TO e tecnoloxías emerxentes
  • Arquitecturas distribuídas e aplicacións industriais
  • Competencias transversais -ferramentas de comunicación; mercado laboral actual, estratexia de búsqueda de emprego; sesións prácticas-.

A formación levarase a cabo nunha contorna híbrida, combinando sesións teóricas, autoformación e práctica aplicada.

Así mesmo, Naturgy informa de que en próximas datas abrirá tamén o prazo de inscrición noutras dúas novas accións: “Formación profesional para a empregabilidade en mantemento de parques eólicos” e “Formación profesionalizadora en mantemento de parques eólicos”.

O programa está financiado pola Unión Europea a través dos fondos NextGenerationEU.

PARQUE EÓLICO NOVO

As obras de repotenciación do parque eólico Novo comezaban a semana pasada en Valdoviño. A intervención contempla a desmontaxe e desmantelamento dos 25 muíños instalados no termo municipal e a súa substitución por 5 aeroxeneradores máis eficientes. Dende o Concello sinálase que os traballos implicarán un incremento do tráfico pesado na estrada da Pena, en Valdoviño, o que podería afectar en determinados momentos á circulación rodada. Así, no caso de precisar dalgún corte puntual, informarase coa suficiente antelación.