Nacen os pitiños da raza Galiña de Mos na Aula da Natureza-Punto de Atención á Infancia

O centro volve colaborar con Avimós na preservación desta raza autóctona

Valdoviño, 10 de abril do 2026. Tras os 21 días de rigor, os pitiños rachaban o cascarón para alegría dos nenos e nenas da Aula da Natureza-Punto de Atención á Infancia de Valdoviño. Xunto ás educadoras, encargáronse ao longo das últimas semanas de atender o aparello e garantir as condicións necesarias para incubar os ovos da raza Galiña de Mos. Pendentes da humidade, da temperatura, do ritmo de volteo… onte recibían a visita dos técnicos da asociación Avimós, coa que colabora o Concello de Valdoviño dende hai 8 anos contribuíndo así á preservación desta raza autóctona.

Ademais, Avimós ofrecía onte unha charla moi instrutiva sobre a Galiña de Mos, na que os pequenos e pequenas amosaron tamén os seu coñecementos. Este ano, como os anteriores, os pitiños foron adoptados polas familias, que se encargarán agora do seu coidado.