Música surf-folk con Joaco Terán este venres na contorna da praia da Frouxeira
O Océano Surf Museo convida á cidadanía a asistir ao concerto a partir das 20:00 h co que conmemora o Día Mundial do Surf
Valdoviño, 14 de xuño de 2022. A contorna do parque infantil da praia da Frouxeira acollerá este venres o concerto do cantautor surf-folk arxentino Joaco Terán a partir das 20:00 horas (en caso de choiva, a actividade trasladaríase ao auditorio da Casa da Cultura). Unha actuación coa que o Océano Surf Museo de Valdoviño se adianta nunha xornada á celebración do Día Mundial do Surf. O cantante, comprometido co medio ambiente, os animais, as persoas e o planeta, amosa nas letras da súas cancións mensaxes de esperanza, consciencia e optimismo para vivir o presente e fluír coa vida. Donavon Frankenreiter, Jack Johnson, Xavier Rudd e Armandinho son os seus referentes musicais e sente gran admiración por surfeiros como Rob Machado ou Marín Passeri, o primeiro surfeiro arxentino en profesionalizar o surfing no seu país natal.
A vida xunto ao mar é a súa filosofía de vida. O músico arxentino, que actualmente reside na Coruña, percorreu medio mundo coa súa guitarra e a súa táboa, incluíndo os dous anos vivindo entre as Illas Hawaii, Costa Rica e California. A súa canción “Libres” expresa moi ben a súa forma de vida e os seus destinos sempre inclúen a presenza de ondas, como Valdoviño.