Música de autor e versións para todos os gustos na primeira edición do LagoFest organizado pola ACR de Veciños de Lago

Ameisinlore, Juanpiños, Irene Caruncho, Black, Mckuin e The Infectious Side comparten o cartel do festival, que se celebrará sábado 23 de xullo

Valdoviño, 12 de xullo de 2022. Música de autor, versións de artistas e grupos tan dispares como Lola Flores, Serrat, Juan Luis Guerra, Queen ou Jimi Hendrix, grandes éxitos da música negra… todos os estilos e para todos os gustos. Este é o cartel do I Lagofest que organiza a ACR de Veciños de Lago. Apunta esta data, sábado 23 de xullo, a partir das 18:00 horas e ata ben entrada a madrugada na pista da parroquia. A entrada é libre.  

A asociación veciñal pon en marcha este festival con vocación de futuro. Unha nova proposta de lecer pensada para todos os públicos e idades coa que dinamizar a parroquia na que levan traballando meses.

A xove promesa da música Ameisinlore, veciña de Lago, será a encargada de inaugurar o festival e presentar ao público os seus temas propios, que están a pegar forte nas redes sociais. Tomarán o relevo os Juanpiños coas súas versións de artistas nacionais e internacionais como Lola Flores, Serrat ou Juan Luis Guerra. A cedeiresa Irene Caruncho, gañadora do famoso talent show La Voz 4, ofrecerá en Lago o seu mellor repertorio. Ademais, co patrocinio do Concello de Valdoviño, e da man da Deputación, regresa a Valdoviño o grupo Black para ofrecer o seu potente directo no que versionan a grandes artistas como Aretha Franklin, Otis Redding ou Steve Wonder. A parte máis rockeira da cita tomará o escenario cos grupos Mckuin, versionando á mítica banda liderada por Freddie Mercury, e The Infectious Side, trío de versións de blues e rock. 

Un festival de verán que, de seguro, terá continuidade no futuro.