“Móvete en Valdoviño” invita á cidadanía a percorrer Pantín e Vilarrube

Aberta a inscrición na nova ruta organizada polo Concello de Valdoviño.

O Concello de Valdoviño vén de abrir a inscrición nunha nova ruta do programa «Móvete en Valdoviño». Celebrarase o sábado 22 de agosto e o itinerario discorrerá neste caso por Pantín e Vilarrube. As persoas interesadas en tomar parte poden anotarse enviando un correo electrónico ao enderezo deportes@concellodevaldovino.com ou un whatsapp ao número 626465531 sinalando nome e apelidos, DNI, data de nacemento, localidade de empadronamento e teléfono de contacto. O prazo conclúe o xoves 20 de agosto e as prazas están limitadas a 50.

A ruta dará comezo ás 10 horas e o punto de partida especificarase ás persoas inscritas. Sen dúbida, a mellor forma de coñecer Valdoviño e a súa contorna natural e, ao mesmo tempo, fomentar hábitos saudables a través do deporte.

Nesta liña, a situación derivada da COVID-19 obriga ao Concello a plantear unha serie de recomendacións imprescindibles para tomar parte nas rutas como son: o uso obrigatorio de mascarilla e levar nas rutas un pequeno bote con líquido desinfectante para as mans. Así mesmo, cada participante levará o seu propio material deportivo e a súa bebida e comida. Durante a marcha, é recomendable camiñar en paralelo cunha distancia mínima de 1,5-2 metros (en caso de que non sexa posible manter esta distancia debido á existencia de vías estreitas farase en fila de un, respetando as distancias entre o anterior e o seguinte participante). As paradas de descanso que se realizarán durante a ruta serán en lugares amplos onde se poidan manter as distancias de seguridade e, se algún participante necesita algún tipo de axuda, para acceder a algún lugar, será obrigatorio a posterior desinfección das mans.

Como recomendacións xerais para asistir á ruta, a Concellería de Deportes lembra a importancia de levar: mascarilla e xel hidroalcólico (obrigatorio); roupa e calzado cómodo; gorra, visera ou similar; protección solar; auga e algún alimento (froita, barrita enerxética, etc), e chuvasqueiro (dependendo das condicións climatolóxicas).