Miguel Romero, eterno capitán do Basketmi, mellor deportista de Valdoviño en 2022
Valdoviño recoñece a extraordinaria tempada do xogador de baloncesto, logrando o ascenso á División de Honra do básket nacional, e a súa impecable traxectoria deportiva ao longo destes últimos 20 anos
Valdoviño, 21 de abril do 2023. Miguel Romero, eterno capitán do Basketmi, era elixido esta tarde-noite como o mellor deportista de Valdoviño na IV Gala do Deporte. Un recoñecemento á espectacular campaña de 2022, cando o xogador liderou ao seu equipo cara o ascenso á División de Honra do baloncesto nacional. Un xogador total que dá o mellor de si mesmo en cada encontro, xeneroso e solidario, incansable, perfeccionista e sempre, sempre, embaixador do seu municipio nos seus desprazamentos por toda a España. Un recoñecemento avalado polas victorias o pasado ano, pero que fai xustiza non só á magnífica tempada do 2022, senón a unha carreira no mundo do básket de máis de 20 anos. O alcalde, Alberto González, así o recoñecía na entrega do galardón.
A gala, que alcanza neste 2023 a súa cuarta edición, celebrouse esta tarde-noite. A actuación de «Maio», con Lorena Hermida e Jorge Casas, daba a benvida ao público, que respaldaba masivamente a cita, conducida polo xornalista Raúl Salgado. No transcurso da mesma, tamén actuaba o humorista local Jorge Baleo, cun monólogo que arrancaba as gargalladas dos asistentes. Así, o público aplaudía aos e ás mellores deportistas locais nas diferentes disciplinas, e un a un ían recollendo os seus premios, unha placa coa imaxe da costa de Valdoviño. Foron estes e estas: Irene Vázquez García e Miguel Suárez Gómez (atletismo); Lidia Bellón Viveiro e Nerea Penabad García (baile deportivo); Hugo Piñón Beceiro (balonmán); Ana Pena Gesto (bodyboard); Nicolasa González Carrodeguas e Erik Iglesias Meizoso (caza deportiva); Natalia Veiga Aneiros e Christian Rodríguez López (fútbol); Escola de Fútbol Base Amistade (mellor equipo); Mario Tenreiro Leira e Amelia Tenreiro Leira (judo); Yolanda Hermida Gómez e Samuel Franco de Pablo (kaiak polo); Hugo Dopico Pita e Lucía Núñez Alvariño (kickboxing); Mario Maneiros Paz (natación); Vera Lamas Tenreiro (natación artística); Aldara Ferreira Lage (patinaxe artístico); Francisco José Vilar Veiga e Sandra Dopico Codesido (pesca deportiva); Cristina Rodríguez López e Iván Sedes Armada (remo); Rosalía Pico Ces e Bruno Martín Campos (surf); Celia Sanz García (tenis de mesa); e Hugo Prida Lobelos e Sabela Caneiro Hermida (duatlón/triatlón).
Así mesmo, o xurado da gala tamén concedeu este ano as seguintes mencións especiais: Marcos Casal Castro e Francisco Gordillo Fonticoba (mellores adestradores de fútbol); Adrián Orjales Vidal (superación no deporte); Adrián Santalla (traballo e adicación); Lucía Villarnovo Pazos (promesa feminina); Unay Ameneiros Rey (promesa masculina); Alicia Fernández Fraga (traxectoria internacional); CPI Atios (transmisión de valores no deporte), Freddy e Zenobie García Núñez (esforzo e perseverancia) e José Manuel García Bouzamayor (éxitos deportivos).
A actuación de «Maio», que volvía a subir ao escenario, precedía á foto de familia dos galardoados, coa que un ano máis se poñía o broche de ouro á gala.