Merecido e emotivo homenaxe en Valdoviño ás mulleres da primeira selección de Fútbol Sala Feminino e ao seu adestrador

Tivo lugar o pasado sábado, promovido polo Concello e a Federación Galega

Hai máis de 3 décadas abriron camiño no deporte feminino, e coa súa paixón, valentía, sacrificio e constancia sentaron as bases do fútbol sala actual. Unha loita a favor da igualdade que continúa e que elas iniciaron para as futuras xeracións. Son as mulleres que integraron a primeira selección española e da que formaron parte as nosas veciñas Beatriz Seijas e Verónica Díaz. O pasado sábado o Concello quixo rendirlles homenaxe na mesma semana na que se conmemoraba o 8 M, Día da Muller. Foi un acto emotivo e moi merecido, no que a participación de Roberto Amado, seleccionador dese primeiro equipo, resultou clave.

Celebrouse na Casa da Cultura, e o concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra, foi o encargado de facer as presentacións e, botando unha ollada ao pasado, puxo en valor o destacado papel de Valdoviño no fútbol sala feminino a través de dous equipos míticos, o Lago e o Meirás. Pablo Prieto, presidente do Comité de Fútbol Sala da Federación Galega, agradeceu o papel que xogou aquela primeira selección a favor da igualdade e Roberto Amado, o seu adestrador, repasou con nostalxia anécdotas deses primeiros tempos. O alcalde, Alberto González, pechou o acto asegurando que mulleres como Beatriz Seijas e Verónica Díaz son auténticos referentes a seguir no mundo do deporte. Ao igual que María Varela e Ana Silva, tamén integrantes desa extraordinaria selección, que non se quixeron perder o acto do sábado, presencial ou a través de videochamada. Ao igual que Iván Cancela, presidente do comité de adestradores da Federación, e Abraham Yáñez, delegado da Federación na comarca. 

A covid impuxo un acto sobrio e cun público moi reducido, pero non foi obstáculo para que esa primeira selección sentise o orgullo que sentimos por elas.