Mercadillo popular e teatro con Ghazafelhos esta fin de semana na Porta do Sol

Retirada de convites na Casa da Cultura para a obra “O vendedor de fume”, que a compañía representará este sábado ás 18,30 h

A Porta do Sol será escenario este sábado e domingo dun Mercadillo popular organizado pola Asociación de Mulleres do Rural María del Mar Becerra co apoio do Concello de Valdoviño. Haberá postos de venda de alimentación, artesanía e máis segunda man, así como diferentes actividades complementarias de lecer. Entre elas, o Concello programa a obra de teatro «O vendedor de fume» a cargo de Ghazafelhos. Un espectáculo que vén ao municipio co apoio de Cultura no Camiño cheo de maxia, humor e música en directo onde a participación do público é indispensable. Será este sábado ás 18,30 horas, e é preciso retirar invitación na Casa da Cultura (en horario de 10 a 14 h ata o venres ou completar aforo). Así mesmo, e no transcurso do mercadillo, haberá postos para degustar polbo e churrasco. 

O mercadillo inaugurarase este sábado ás 10,30 h e permanecerá na explanada situada fronte á Casa Joselito ata as 21,30 horas (horario que se repetirá o domingo). Na xornada dominical, a partir das 18 h, o público poderá seguir unha exhibición canina a cargo da asociación Scintillas.