Meirás celebra este domingo a súa tradicional Volta Ciclista, que alcanza a súa 31ª edición

A marcha partirá do local social ás 10:30 horas, con participación de balde, pero inscrición previa

Valdoviño, 12 de agosto do 2025. A Volta Ciclista a Meirás celebrarase este domingo 17 de agosto, alcanzando nada máis e nada menos que a súa 31ª edición. Unha cita clásica do calendario estival do municipio que organiza a Asociación de Veciños de Meirás, e na que colabora o Concello de Valdoviño. Trátase dunha marcha pensada para toda a familia, nenos e maiores, coa que desfrutar sobre dúas rodas dalgunhas das máis bonitas estampas de Meirás. Partirá ás 10:30 horas do local social, e a participación é de balde, pero con inscrición previa. Poderá formalizarse o sábado 16 de agosto, no mesmo local veciñal de 20 a 21 horas, e tamén o propio domingo, dende as 9:30 horas e ata 10 minutos antes do inicio da volta.

A marcha celebrarase nun ambiente festivo, e premiarase a participación do ciclista máis pequeno e tamén do máis pequeno pedaleando, así como ao de maior idade e ao máis orixinal.

O operativo de seguridade contará coa participación da Policía Local e a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Valdoviño.