Medio centenar de pilotos disputarán a Baixada de Carrilanas de Valdoviño
Puntuable para o campionato de España e de Europa, acollerá este ano a primeira Copa do Mundo, e celebrarase do 8 ao 10 de agosto
Valdoviño, 5 de agosto do 2025. Pechadas as inscricións, xa temos cifras definitivas de participantes na XXVII Baixada de Carrilanas de Valdoviño, que se celebrará esta fin de semana, e da que sairá o primeiro campión do mundo na historia deste deporte. Serán 54 carrilanas procedentes de toda España e de diferentes puntos do continente europeo as que se den cita a partir do venres na localidade. Trátase pois da cifra ideal para desfrutar da competición que avanzaba Diego Barcia, director da carreira, no acto de presentación da baixada.
Volverá ser puntuable para o Campionato de España e o Campionato de Europa, e por primeira vez nos deportes de inercia, Valdoviño acollerá unha Copa do Mundo. Repetimos percorrido, de 1.207 metros e con saída do Graño e meta nas inmediacións da capela de San Mamede. Tamén, programa e actividades complementarias de ocio para toda a familia.
O venres 8, ás 12 h, abrirase a zona de acampada gratuíta. O sábado 9, de 15 a 16 h, terán lugar as verificacións técnicas e administrativas. Ás 16:30 h, o remonte de participantes á liña de saída. Ás 17 h, os primeiros adestramentos oficiais, e xa ás 18 h, a saída da primeira baixada oficial. A programación do sábado pecharase coa cea carrilaneira (ás 20 h, e cun menú a 10 euros), e o XI Festival de Karaoke.
Xa o domingo, a mañá, de 12 a 13 h, está reservada para os máis pequenos e pequenas, que competirán por ser os máis veloces nos seus vehículos (con dúas categorías de 1 a 5 anos e de 6 a 13). Seguiralle a sesión vermú, e a paellada de marisco popular (racións a 8 euros). E xa ás 16 h, remonte de participantes á liña de saída para, media hora despois, iniciarse a baixada oficial. Haberá 3 premios ás carrilanas máis humorísticas, e un trofeo para os 3 primeiros de cada categoría, ademais dun premio ao mellor salto.
