Martín Núñez, José Paniagua e Joel Justo inauguran en Valdoviño a expo “USER NOT FOUND” cunha intervención artística en directo

O acto terá lugar este sábado ás 16:30 horas na Casa da Cultura

Valdoviño, 2 de febreiro do 2023. A Casa da Cultura de Valdoviño acollerá este sábado ás 16:30 horas a inauguración da exposición «USER NOT FOUND». Unha mostra colectiva que asinan Martín Núñez, José Paniagua e Joel Justo, estudantes de Belas Artes de Pontevedra e autores dalgunhas obras dos espazos de arte urbana habilitados polo Concello nos últimos anos. Ademais, as creacións de Martín, veciño de Valdoviño, tamén están presentes e visitables na contorna da Frouxeira ou no CPI Atios. O acto deste sábado, con entrada libre, incluirá precisamente unha intervención artística que o público poderá seguir en directo. 

Segundo avanzan os artistas, esta expo aborda o concepto da identidade das persoas a través de diferentes obras, dende a pintura á instalación, así como o feito de que todos vivimos realidades diferentes, con causas e consecuencias que nos fan ser dunha maneira ou doutra, convertíndonos en individuos mentalmente alleos ao resto. Baseándose nesta idea, plantean diferentes temas existenciais para o ser humano, como a morte, a tristeza, a desrealización… todo dende un punto de vista completamente subxectivo, individual a cada artista e libre na interpretación por parte do público. 

A partir da súa inauguración, a mostra poderá visitarse de luns a venres de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas.