Mariscadoras de Vilarrube e percebeiros de Meirás protagonizan a exposición itinerante que inaugura este domingo o Concello en Lago
A mostra inclúese no programa Valdoviño Mar, futuro a toda costa
Valdoviño, 23 de xuño de 2022. O Concello de Valdoviño dá a coñecer a actividade das mariscadoras de Vilarrube e dos percebeiros de Meirás a través dunha exposición itinerante. O seu primeiro emplazamento será o parque de Lago, coincidindo coa celebración neste espazo do 0IV Festival de Cero a Cen. Así, poderá visitarse este domingo 26 de xuño durante todo o día. A expo amosa, a través de datos curiosos, imaxes e testemuños, o oficio das traballadoras e traballadores do mar, así como os elementos máis relevantes da contorna costeira.
O formato da exposición é posible grazas ao traballo artesán de Jaime Fraga, o ferreiro de Valdoviño, que creou a estrutura de ferro de grandes dimensións na que se presentarán os paneis didácticos da exposición. Grazas ao seu enxeño, eficacia e bo facer foi posible empregar este formato expositivo tan rechamante; o broche final para unha presentación dedicada ás xentes do mar, como Pilar, Magdalena, Roberto, Carlos ou Alejandro, que son algúns dos protagonistas destes dispositivos visuais de gran formato.
A iniciativa inclúese no proxecto Valdoviño Mar, futuro a toda costa, impulsado polo Concello de Valdoviño e financiado polo GALP A Mariña-Ortegal.
O proxecto “Valorización da actividade marisqueira e dos seus espazos extractivos no litoral de Valdoviño” acumula numerosas accións durante as anualidades de 2020, 2021 e 2022 como: obradoiros de sensibilización a escolares da vila, rutas polo litoral, servizo de asesoramento e liñas de financiación para emprendedores, entre outras. A execución destas accións enmárcase no financiamento da segunda fase de adxudicación de axudas da convocatoria de 2020 do GALP A Mariña Ortegal.