María Rivas presenta en Valdoviño o plan “A Administración cerca de ti” que achegará as xestións administrativas a 67 concellos da provincia para avanzar na cohesión territorial

A subdelegada do Goberno dá inicio en Valdoviño a este programa que na provincia da Coruña favorecerá a 274.000 habitantes de pequenos concellos

Valdoviño, 21 de novembro do 2022. A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, presentou hoxe en Valdoviño o plan “A Administración Cerca de Ti” que achegará as ferramentas da administración dixital a 67 concellos da provincia. O Concello de Valdoviño é a primeira parada desta iniciativa, enmarcada nas políticas de reto demográfico, do Ministerio de Política Territorial en colaboración coa FEMP e que permite avanzar na eliminación da fenda dixital.

“Achegamos a Administración do século XXI ás vilas, poñéndoa directamente ao servizo dos veciños e veciñas, para fortalecer a cohesión social e territorial e reforzar a igualdade de oportunidades”, sinalou a subdelegada ao tempo que destacou que na Coruña beneficiaranse desta iniciativa 274.000 persoas. En total, en Galicia beneficiaranse 640.000 persoas.

María Rivas supervisou na Casa da Cultura de Valdoviño a primeira sesión deste programa. Fíxoo acompañado polo alcalde do Concello, Alberto González; e o secretario xeral da Delegación do Goberno, Alberto de la Fuente. Alí agradeceu a colaboración dos concellos “pois este programa non sería posible sen a súa implicación, e dos funcionarios e funcionarias públicas que percorrerán as diferentes vilas da provincia nos vindeiros meses de xeito voluntario”. “Este Goberno traballa para dar ferramentas dixitais á poboación do rural e agora, tamén, para ensinar a aproveitalas nas súas relacións coa administracións”, subliñou a subdelegada.

Asesorar e xestionar

“Buscamos que o Estado estea máis presente no territorio e, en particular, nos municipios menos poboados. Que ninguén se senta desprazado á hora de realizar trámites telemáticos e que a cidadanía dispoña da información adecuada para as súas xestións coa Administración”, detallou María Rivas.

O Plan seguirá un calendario establecido en cooperación cos concellos. Cada semana, funcionarios e funcionarias das Subdelegacións desprazaranse a estas localidades, todas elas cunha poboación inferior a 8.000 habitantes, para ensinar ás persoas interesadas a relacionarse coa Administración de forma dixital, resolver dúbidas e tramitar, entre outros, o certificado dixital da FNMT, imprescindible para moitas xestións e que só se pode tramitar na presenza física da persoa que o solicita.

Actualmente, a Administración Xeral do Estado ofrece a posibilidade de realizar de xeito dixital a maior parte das xestións e das comunicacións con seus departamentos. Dende trámites básicos como as prestacións, o pago de impostos, permisos de condución, aboamento de taxas públicas, solicitudes de axudas ao estudo ou certificados de vida laboral, ata a solicitude de subvencións, que en moitos casos só se pode xestionar telematicamente.

O catálogo de servizos electrónicos da Subdelegación do Goberno na Coruña ofrece 125 trámites de xeito telemático, entre os que se atopan xestións relacionadas cos servizos de Estranxeiría; pago de taxas; comunicación de mobilizacións; validación de títulos universitarios estranxeiros ou a presentación de queixas ou suxestións ante a Administración.