Manuel González Gutiérrez rescata na súa última obra a historia de “La antigua feligresía de San Miguel de Aviño”
O autor presentaba a publicación no templo arroupado pola parroquia
Valdoviño, 23 de setembro do 2026. Non podía ser noutro lugar. A humilde igrexa de San Miguel de Aviño acollía o venres á tardiña o acto de presentación da última obra de Manuel González Gutiérrez: “La antigua feligresía de San Miguel de Aviño”. A parroquia en pleno arroupaba ao seu veciño, e o autor correspondíalles coa entrega dun dos exemplares, cos que busca conservar unha parte da historia do lugar na memoria colectiva, e tamén, concienciar sobre a importancia de preservar o patrimonio relixioso, un dos sinais identitarios da parroquia. De feito, Manuel explicaba na súa presentación que a obra nace dun acto de rebeldía fronte ao que considerou un atentado contra a igrexa, perpetrado en setembro de 2021, cando unha pala mandada por quen debía ser o seu principal custodio, irrumpe no templo e profana o chan no que recibiran sepultura máis dun centenar de veciños e veciñas. Entre eles, os seus tataravós. Daquela comunica os feitos ante a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta, así como ao Concello. E este último, ante o aviso, paraliza a intervención, evitando que os danos fosen a maiores.
Comeza aí un arduo traballo de investigación de cinco anos, moitos quilómetros de viaxes a arquivos e a lectura de centos de publicacións que dan como resultado esta obra que o autor publica agradecido polo apoio da súa familia e a colaboración dun bo número de veciños que cederon imaxes de gran valor recollidas na obra.
Pero a obra vai máis aló da igrexa, para converterse tamén nunha crónica da historia máis recente da parroquia, rescatando episodios tan interesantes como a capitalidade de Aviño aló por 1863, cando se traslada a casa consistorial dende San Bartolo, pero tamén costumes, festas, lugares… nese obxectivo de contribuír a manter o recordo na memoria.
