Manos Unidas de Valdoviño convida á veciñanza a coñecer o seu labor nunha cita solidaria este venres na casa da cultura

Poñerá cara aos seus integrantes, e contará coa testemuña dun misioneiro da ONG para falar dalgúns proxectos en marcha

Valdoviño, 17 de novembro do 2025. Aínda que levan tempo traballando xa en Valdoviño, a delegación de Manos Unidas na localidade quere presentarse oficialmente á veciñanza, e este venres ás 18 horas, organizará con este fin un acto no auditorio da casa da cultura. A ONG non só poñerá cara aos seus integrantes, senón que, e sobre todo, dará a coñecer o traballo que desenvolve aquí e en países onde máis se precisa a súa axuda. Así, contará coa participación dun misioneiro da entidade, que falará en primeira persoa do labor que desenvolve no seu día a día.

Ademais, o grupo de boleros Los Nostálgicos de Valdoviño colaboran coa iniciativa, e ofrecerán unha actuación estelar coa que se pechará o acto, de entrada gratuíta e cunha morea de agasallos a sortear.

Manos Unidas iniciaba en Valdoviño a súa actividade hai meses, e dende entón, participa activamente en citas de carácter cultural, deportivo e social, ofrecendo información sobre a ONG, e recadando fondos para esta a través da venda de merchandising solidario.