Manifesto institucional polo Día da Muller

Texto ao que se deu lectura no transcurso do Pleno ordinario do xoves 6 de marzo do 2025

O Concello de Valdoviño reivindica, un ano máis, o 8 de marzo como data fundamental na visibilidade do traballo en prol do feminismo e dos dereitos das mulleres.

Tal e como recolle na súa declaración institucional a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) dende o Concello de Valdoviño reafirmamos, “o compromiso do municipalismo cos dereitos das mulleres, cara a acadar a igualdade de xénero en todos os espazos da vida política e social local dende o pulo de medidas concretas que reforcen os dereitos das mulleres e as nenas, para que sexan protagonistas do seu propio presente”.

Así, “ segue sendo necesario reforzar a nivel global e local a aplicación de medidas en tres áreas clave:

  • Fomento dos dereitos das mulleres e nenas fronte a toda forma de violencia, discriminación e explotación.
  • Promoción da igualdade de xénero elevando as voces das mulleres e nenas para acabar coas desigualdades.
  • Impulsar o apoderamento garantindo o acceso inclusivo de mulleres e nenas á educación, o emprego, o liderado e os espazos de toma de decisións.”

En Valdoviño, a través das políticas e o traballo do persoal técnico procúrase unha Igualdade real en todos os ámbitos da vida comunitaria. Dende o programa municipal “Somos e Contamos” seguen a deseñarse actuacións de prevención, sensibilización e formación durante todo o ano, co obxectivo dun impacto efectivo en toda a veciñanza.

Así, a posta en marcha de proxectos nos centros educativos relacionados con  Educación e diversidade sexo-afectiva ou prevención dos riscos asociados a Internet; a xestión dos recursos de conciliación ou a organización de exposicións e actividades coeducativas, entre outras, poñen de manifesto que a Igualdade é un contido específico e tamén transversal, de cara a acadar un progresivo apoderamento e a comprensión xeral de que o feminismo é a opción válida e respectuosa para estar no mundo e educar aos nosos nenos e nenas dende o amor da Diversidade e a xustiza da Igualdade.

 

Cada 8 de marzo, Valdoviño segue na loita polos dereitos sociais