Malasombra trae a Valdoviño “Bernarda”, Premio María Casares ao mellor espectáculo
A función terá lugar este venres ás 20 horas, e para asistir é preciso retirar invitación na Casa da Cultura ata o xoves de 11 a 14 e de 16 a 20 horas
A Casa da Cultura de Valdoviño acollerá este venres 26 de marzo a representación da obra teatral «Bernarda», gran trunfadora nos Premios María Casares 2020. A función da compañía Malasombra dará comezo ás 20 horas e para asistir é preciso retirar invitación previamente na Casa da Cultura (ata o xoves de 11 a 14 horas e de 16 a 20 horas). A cita inclúese na Rede Cultural da Deputación provincial da Coruña e está dirixida a un público maior de 14 anos.
A obra vén avalada polo recoñecemento do público e da crítica, e nos Premios María Casares alzábase co galardón ao mellor espectáculo, texto orixinal (José Prieto), dirección (José Prieto e Xoque Carbajal) e actriz secundaria (Celia González). O elenco complétase con Luisa Merelas e Esther Aja.
“Bernarda” chega a Valdoviño no marco da conmemoración do 8M, co programa «Somos e Contamos». É unha historia próxima, comprensible e universal. Todo o mundo coñece no seu entorno a alguén como Bernarda, e todos temos un pouco de Bernarda no noso interior, porque ese choque xeracional entre pais e fillos é unha constante universal, e dependendo de que lado esteamos vemos a realidade de forma totalmente diferente. Cando somos fillos queremos rachar coas normas que nos impoñen, e cando somos pais vémonos na obriga de ser nós os que as impoñamos, polo seu ben, e ese choque entre xeracións que conviven na mesma casa é inevitable.
Este choque xeracional, que como na vida mesma tamén ocorre en “Bernarda”, por veces fainos chorar, porque ás veces as situacións vólvense tensas e duras, e por veces fainos rir, porque igual que na vida, ata nas situacións máis extremas xorde a risa como unha necesidade de desafogo e de liberación. Isto é o que en “Bernarda” dan en chamarlle humor de tanatorio ou risa de funeral, que tamén é unha constante durante todo o espectáculo.