Malasombra producións trae este venres a Valdoviño a súa obra “De algo hai que morrer”
A función inclúese no ciclo municipal de teatro “Ven o Venres, e dará comezo ás 20:30 horas con entrada de balde e libre ata completar aforo
Valdoviño, 11 de decembro do 2024. Malasombra producións trae este venres a Valdoviño o seu espectáculo «De algo hai que morrer», unha conferencia fúnebre-cómico-teatral protagonizada por Jouse García e Xoque Carbajal baixo a dirección de Marcos Orsi. A función inclúese no ciclo municipal de teatro «Ven o venres», e arrancará ás 20:30 horas no auditorio da casa da cultura, con entrada libre ata completar aforo.
Na peza, escrita por José Prieto, dous prestixiosos e peculiares científicos, o profesor Jeckill e o profesor Hyde, divulgan as súas investigacións sobre un tema que afecta ao cen por cen da poboación de todo o mundo sen distinción de raza, sexo ou condición: A Morte. Ao longo da conferencia, os dous profesores disertarán, dramatizarán e darán resposta a preguntas sobre diversos temas relacionados co asunto principal.