Máis dun centenar de veciños e veciñas maiores de 60 participan nos talleres de musicoterapia que organiza o Concello

Celébranse cada semana nos locais sociais de Aviño, Montefaro, Pantín, Sequeiro e Vilaboa

Valdoviño, 6 de outubro do 2026. Máis dun centenar de veciños e veciñas maiores de 60 anos participan xa nos obradoiros de musicoterapia que organiza o Concello de Valdoviño en diferentes parroquias da localidade. O proxecto arrincaba inicialmente en Pantín, Sequeiro e Vilaboa, e edición tras edición, a participación foi medrando. Ademais, residentes en Meirás solicitaban hai un par de anos ampliar a actividade á parroquia, creándose un grupo no local social de Montefaro, e o pasado exercicio, era a asociación de veciños de San Miguel quen trasladaba a petición ao Concello, poñéndose en marcha ese grupo tamén no local social.

Os talleres teñen unha periodicidade semanal e son gratuítos, grazas ao financiamento do Concello de Valdoviño e o apoio da Deputación da Coruña, que contribúe con ata 7.000 euros ao proxecto.

Con este programa, o Concello colabora na promoción dun envellecemento activo, favorecendo as relacións sociais e combatendo a soidade non desexada, ademais de traballar aspectos clave a través da música como a comunicación, a memoria, a motricidade ou a aprendizaxe. Sempre, dende unha perspectiva lúdica.