Máis de 370 artesás de toda España danse cita na VI Xuntanza de Palilleiras e Multilabores
O alcalde, Alberto González, inauguraba esta mañá o certame xunto á presidenta da Asociación de Mulleres do Rural María del Mar Becerra, Charo Guerra, e a deputada provincial de Industria, Rosana García
Valdoviño, 7 de xuño do 2025. Máis de 370 artesás procedentes de toda España participan durante a xornada de hoxe na sexta edición da Xuntanza de Palilleiras e Multilabores do Concello de Valdoviño. A cita está organizada pola Asociación de Mulleres do Rural María del Mar Becerra, co apoio da Administración local, e esta mañá, a presidenta da entidade, Charo Guerra; o alcalde, Alberto González, e a deputada provincial de Industria, Rosana García, participaban do acto de inauguración oficial.
Posteriormente, realizaban un percorrido polo pavillón municipal O Longoiro, que serve de escenario ao certame, no que apreciaban o labor artesanal das participantes. Nese itinerario non faltou tampouco a parada na exposición dos traballos realizados nas clases que impulsa a asociación no local social de Montefaro ao longo do ano nin a conversa cos responsables dos postos de venda que acudían á xuntanza, especialmente centrados no mundo do encaixe, os bolillos e a confección, pero tamén a artesanía ou mesmo a alimentación. Nese espazo tamén hai lugar para a solidariedade, e por segundo ano consecutivo, a delegación valdoviñesa de Manos Unidas conta cun stand co que recadar fondos a través da venda de merchandising e informar dos seus proxectos humanitarios.
Alcalde e deputada coincidían hoxe en salientar a contribución da xuntanza á promoción turística de Valdoviño, xa que supón a chegada de participantes non só de diferentes puntos de Galicia senón tamén do resto de España como Asturias, Castela e León ou Valencia. Tamén os efectos positivos para a hostalería local, coa maioría dos establecementos cheos. E, sobre todo, ratificaban o apoio do Concello co evento.
Tralo parón de mediodía, previsto para as 13:30 horas, o encontro retomarase ás 16:00 horas, e media hora máis tarde, o público poderá desfrutar do concerto estelar de Los Nostálgicos. Ademais, a xuntanza continuará ata as 19:00 horas.
