Máis de 300 veciños e veciñas tomarán parte na XXII Mostra de Asociacións de Valdoviño
Está organizada polas entidades veciñais, culturais e deportivas, coa colaboración do Concello e o apoio das cooperativas do municipio
Valdoviño, 6 de maio do 2025. Máis de 300 veciños e veciñas tomarán parte este sábado 10 de maio na Mostra de Asociacións de Valdoviño. Nesta ocasión, Sequeiro convértese en sede do encontro, e a súa entidade veciñal, ponse ao fronte da coordinación da cita, que organiza conxuntamente o movemento asociativo local co apoio do Concello e das cooperativas de Lago, Meirás e Vilaboa. A mostra alcanzará a súa XXII edición, e vén cargada de actividades.
O programa arrincará no adro da igrexa parroquial ás 13:00 horas, coa sesión vermú e a actuación do cantante Álex. Xa sobre as 14:30 h, comezará o xantar popular, coa confirmación de 310 comensais. O menú inclúe empanada e callos, churrasco, chourizos e tarta da avoa -ademais de refrescos, viños, café e chupito-.
A partir das 17:00 h, comezarán ás actuacións das diferentes agrupacións de baile e música tradicional do concello e, como fin de festa, o público asistente poderá desfrutar da actuación estelar de Los Nostálgicos ás 19:00 h.
Así mesmo, durante toda a xornada, poderemos visitar o espazo de exposición cos traballos de manualidades realizados nas clases de bordado, calceta, ganchillo, barro… das asociacións.
