Máis de 20 artistas competirán este sábado no concurso de pintura rápida de Valdoviño

O certame contará con participantes chegados de distintos puntos do país

Meirás e a súa xente servirán este sábado de inspiración para os ao preto de 25 artistas, chegados desde distintos puntos da Península, que confirmaron a súa participación no “II Concurso de Pintura rápida ao aire libre do Concello de Valdoviño”.

A localidade converterase en punto de encontro para artistas que buscan o enclave perfecto para pór en práctica as súas técnicas pictóricas. E así, creadores procedentes de Galicia, País Vasco, Castela León e Extremadura afrontarán nesta segunda entrega do certame- a primeira desenvolveuse no ano 2018- o reto de terminar o mellor cadro posible nunhas poucas horas, o que implica ter que ir ao grao.

Segundo figuran nas bases do concurso, cada participante poderá presentar unha soa obra, que terá que executar in situ diante do motivo ou do modelo natural, que ten que atoparse na área delimitada pola organización. Como na edición precedente, o estilo e máis a técnica serán libres, pero a temática das creación deberá versar sobre a paisaxe, o espazo físico e as súas xentes e costumes.

As obras, realizadas nunhas poucas horas, terán que ser entregadas antes das 17.30 horas no parque da praia da Frouxeira, que se converterá, entre as 17.30 e as 19 horas- o xurado dará a coñecer o seu dictame ás 18.30 h-, nunha pequena galería de arte ao aire libre, coa exposición de todos os traballos realizados durante o concurso. En caso de mal tempo, a actividade trasladarase á Casa da Cultura.

Haberá tres premios principais, de 1000, 500 e 300 euros e diploma, aos que se engadirán dous especiais. O premio local, cun importe de 200 euros e diploma; e, como novidade, o premio xuventude Proxecto Xeoparque Cabo Ortegal, de 150 euros e diploma, dirixido a mozos de entre 18 e 30 anos procedentes dos municipios que colaboran na candidatura.