Magic Mateo ofrecerá este sábado en Valdoviño o seu repertorio de maxia cómica, ilusións ópticas, levitacións ou predicións
No marco da programación cultural de Nadal, o xove ilusionista ferrolán actuará no auditorio ás 18:00 horas con entrada de balde
Valdoviño, 27 de decembro de 2023. A programación cultural de Nadal do Concello de Valdoviño continúa este sábado 30 de decembro co sorprendente espectáculo de maxia de Magic Mateo. O xove ilusionista ferrolán ofrecerá un repertorio repleto de maxia cómica, ilusións ópticas, predicións, aparicións e manipulación de obxectos, e mesmo levitacións. Dará comezo ás 18:00 horas no auditorio municipal, con entrada de balde e libre ata completar aforo.
A pesares da súa mocidade, con tan só 14 anos, Magic Mateo xa ten compartido cartel con destacados magos como Jorge Blass, Javi Rufo ou Dani Polo, dos que aprende e ensaia cada día para mellorar a súa técnica. É unha das xoves promesas da maxia en Galicia, e teatros e auditorios son escenarios habituais para as súas actuacións de maxia de salón, e ten participado nalgunha das citas máis importantes na Comunidade como o Festival Internacional de Maxia Vila de Sarria.