Luis Díaz e Nadia Erostarbe, campións de España absolutos de surf 2020
A vitoria na categoría máster foi para Pablo Solar
Conclúe o Campionato de España de Surfing 2020. E faino con Luís Díaz e Nadia Erostarbe coroados como novos campións de España absolutos de surf. A competición nas principais categorías pechouse este domingo no areal da Frouxeira, convertido durante toda esta semana en escaparate do mellor surf do país.
Tras sete días de probas, baixo estritas medidas preventivas fronte á covid-19, o campionato organizado pola Federación Española de Surf, que contou, entre outros, co patrocino do Concello, despedíase esta tarde de Valdoviño. Hoxe disputábanse a categoría máster e as finais masculina e feminina do open de surf, nunha xornada con boas ondas, que axudaron a brillar aos deportistas. De feito, houbo unha onda que mereceu dez puntos por parte de Garazi Sánchez e cinco por encima de 9.
Os trunfadores
O título na categoría open partía cara a Canarias, grazas á vitoria de Luís Díaz, que se impuxo na final, avantaxando en 1,60 puntos ao seu inmediato rival, o brasileiro-catalán Vicente Romero, que repite a posición do pasado ano. Mentres, o título feminino íase para País Vasco, da man de Nadia Erostarbe, que venceu á tamén vasca Garazi Sánchez.
Finalmente, na categoría máster, que se disputou integramente este domingo, o trunfo foi para Pablo Solar. E na xornada do sábado David Hernández facíase co título na modalidade de kneeboard.
A cita, ademais de promocionar a praia da Frouxeira e a Valdoviño como destino surfing seguro, mostrou ás claras o gran nivel da gran canteira que hai en España. Uns 260 deportistas que pelexaron no campionato por un total de 17 títulos nacionais desde o pasado 31 de agosto.