Lena e Nieves dan voz, na curtametraxe “Vouvos a contar unha cousa”, ás mariscadoras e coidadoras no seu día a día

Valdoviño acolleu onte a presentación da cinta, realizada no marco da escola EspadELA, na que o alcalde, Alberto González, subliñou a importancia de visibilizar o seu traballo para dimensionar o seu valor

Valdoviño, 17 de decembro de 2021. Valdoviño acollía onte á tarde a presentación da curta documental «Vouvos a contar unha cousa», realizada no marco da escola EspadELA e protagonizado pola nosa veciña Magdalena López Bellón, Lena, e a veciña de Cabanas Nieves López Paz. E, en apenas 15 minutos de cinta, as dúas falaron e contáronnos unha e mil cousas, vivencias, sentimentos, inquedanzas… compartiron con todos nós o seu día a día. Lena, como mariscadora a pé, e Nieves, como persoa coidadora da súa nai. Un día a día marcado nos últimos anos pola covid-19 e que, a pesares da súa dureza, afrontan cun optimismo que contaxia a todos os que teñen ao seu redor. O documental, realizado co apoio do Concello de Valdoviño, estará dispoñible a través da web municipal e das redes sociais a partir da próxima semana, tal e como avanzaba onte o alcalde, Alberto González. 

O rexidor subliñaba tamén a necesidade de dar visibilidade ao traballo tan duro que realizan as mariscadoras, ás que Lena dá voz na cinta, para dimensionar o seu valor. Ademais, agradecía a colaboración do colectivo, arroupado na sala por representantes da Confraría de Cedeira á que pertencen, especialmente no labor de difusión da súa actividade entre os máis pequenos e pequenas, a través de iniciativas como visitas guiadas polos areais nos que marisquean. 

Dirixido por Lucía Catoira, a curtametraxe inclúese no proxecto da escola EspadELA, unha escola de apoderamento feminista para mulleres que habitan o rural, impulsada pola Deputación da Coruña coa colaboración dos concellos. Na edición de 2020, a escola non parou a súa actividade a pesar da pandemia, e mesmo evidenciouse a necesidade de contar con espazos propios e recuperar o encontro coas compañeiras. Con este traballo búscase poñer en valor a vida cotiá das mulleres que sacan adiante o día a día, nos seus fogares, nos seus traballos, nas súas aldeas. Contando, ademais, como están convivindo coa COVID-19. A través dos ollos de Neves e Lena, e das súas verbas, procuran a esperanza de camiñar xuntas cara un escenario onde celebrar a saúde e a vida, desde unha perspectiva feminista.