Layback Surfcamp organiza unha xornada de surf onde gravará aos participantes e compartirá con eles o material coas súas mellores olas
Terá lugar o 23 de agosto, con participación de balde e inscrición previa
Valdoviño, 13 de agosto do 2025. A escola local Layback Surfcamp propón a nenos e maiores participar nun encontro de surf que gravarán e compartirán posteriormente coas persoas participantes co ánimo de que poidan acceder a un recordo gráfico das súas mellores olas, pero tamén, corrixir aqueles fallos que detecten na súa técnica. A actividade celebrarase o sábado 23 de agosto, e en función das condicións do mar, determinarase o horario e o emprazamento -a elección estará entre A Frouxeira, e Vilarrube-.
A participación é de balde, pero con inscrición previa a través dun formulario online
Así mesmo, esta acción forma parte do programa de promoción do deporte local que impulsan as escolas de surf no marco da concesión de autorizacións de uso das praias para exercer a súa actividade.
