José Ángel Niño inaugura no Océano Surf Museo a súa expo de fotografía “Xinetes do mar”
Con entrada de balde, poderá visitarse de luns a venres de 11 a 14 h, e venres, sábado e domingo, tamén de 18 a 20 h
Valdoviño, 12 de maio do 2025. O fotógrafo José Ángel Niño, «ANIKUNI», inauguraba o venres á tardiña a mostra «Xinetes do mar». Facíao na sala de exposicións temporais do Océano Surf Museo, en compañía do alcalde, Alberto González, e da concelleira de Cultura e Turismo, Rosana García. Entre o público, atopábase Vicente Irisarri, un dos grandes valedores do museo, ou Gonzalo Cueto, que regresaba ao centro onde tamén compartira hai uns anos a súa obra fotográfica sobre surf e aves.
“Xinetes do mar” está integrada por 40 fotografías e un vídeo monográfico. ANIKUNI explicaba no acto que cada unha das súas fotografías de surf “ten tras de si unha historia que merece ser lembrada, atrapa un instante dunha vida facendo aquilo que máis lle gusta ao seu protagonista”. Admitía ser un privilexiado por compartir eses momentos cos surfistas e “ser testemuña de toda esa enerxía e alma que poñen en cada onda”. Estendía o seu agradecemento a toda a comunidade surfeira de Galicia, e especialmente á da Mariña lucense pola súa acollida e cariño, e por contaxialo da súa paixón e permitirlle gozar con eles de tantas sesións de vida.
Alcalde e concelleira destacaban a calidade das fotografías do autor, a animaban á cidadanía a visitala, de luns a venres de 11:00 a 14:00 horas, e venres, sábado e domingo, tamén polas tardes de 18:00 a 20:00 horas.
Ademais, a exposición vén acompañada de dúas táboas históricas do museo, que o público poderá ver por primeira vez xunto a “Xinetes do mar”. Dunha banda, unha thruster do shaper australiano Maurice Cole que pertenceu ao surfista tamén australiano Kai Otton, e coa que tomou parte no Pantín Classic en 2004. E doutra, unha mini gun fabricada por Mike Merry a finais dos 80 para a tenda Surf N Sea, a máis antiga de Hawaii. Dúas obras de arte, no primeiro caso, cedida por Marcos Pita, e no segundo, por Carlos Bremón.
