Jesús Busto presenta en Valdoviño a súa obra “Otro mar. Los orígenes del surf en Galicia”

O acto celebrarase este venres ás 20:00 horas no Océano Surf Museo

Valdoviño, 27 de maio do 2025. O Océano Surf Museo acollerá este venres ás 20:00 horas a presentación do libro «Otro mar. Los orígenes del surf en Galicia», de Jesús Busto. Unha publicación que percorre o espazo temporal entre 1967 e 1983, os primeiros quince anos de surf en Galicia, a través da testemuña dos seus protagonistas. A actividade, con entrada libre, porá o broche de ouro á programación deseñada para conmemorar o Día Internacional dos Museos.

Na obra, editada por Libros del Océano, Jesús Busto dá voz a un grupo de homes e mulleres valentes, curiosas, hábiles… Persoas que se lanzaron tras un desexo sen apenas referentes que os guiasen. Verdadeiros pioneiros que se atreveron a mirar ao mar dende outra perspectiva.

O descubrimento de novas rompentes, os avances no proceso de construción de táboas, ou as persoas ás que coñeceron, forman parte da lista de hitos alcanzados, sen esquecer o seu legado máis importante: tal e como conclúe Carlos Bremón na publicación, foron elas e eles “os primeiros en situarse detrás da barreira infranqueable que ata entón representaban as rompentes, e comprender que se podía saír aló fóra, esperalas e xogar con elas”. Descubriron un mar diferente. Regaláronnos Outro Mar.