Jëan Fixx pon este sábado banda sonora á exposición “Paisaxes Interiores” de Raquel Calvo nunha sesión de música electrónica

Aberta á cidadanía, celebrarase na casa da cultura de 19:00 a 20:30 horas

Valdoviño, 22 de outubro do 2025. Jëan Fixx poñerá banda sonora á exposición “Paisaxes Interiores” de Raquel Calvo Gómez, e este sábado de 19:00 a 20:30 horas, a casa da cultura acollerá unha sesión de música electrónica e baile aberta á cidadanía. O artista multidisciplinar Félix Fernández ofrecerá unha coidada selección de música electrónica con matices melódicos e un tempo pausado coa que deixarse levar, rodeados pola odisea emocional que brinda a obra pictórica de Raquel Calvo. Unha combinación perfecta para vivir unha experiencia artística única namentres o sol se pon ao solpor.

Ademais, a mostra da artista ferrolá afincada en Valdoviño continuará na sala de exposicións da casa da cultura ata finais de mes, en horario de luns a venres de 10 a 13 h e de 17 a 19 h.

SOBRE JËAN FIXX

Jëan Fixx é o proxecto musical do artista multidisciplinar Félix Fernández. Activo como DJ desde 2014, inicia a súa traxectoria como produtor en 2018 cun enfoque que combina techno hipnótico, electro, synthwave e atmosferas densas con matices industriais, dubstep ou EBM.

O seu son, emocional e contundente, articúlase desde unha ollada libre de prexuízos estéticos. Publicou varios EPs e álbumes en selos como Ruido de Fondo, Iptamenos Discos ou DISCTRL, e desenvolve tamén unha labor de axitación cultural como creador de INNFLEXIA, un espazo adicado á creación electrónica contemporánea.