Inscricións abertas no Foro Literario de Valdoviño guiado por Antón Cortizas
As persoas interesadas en tomar parte nos encontros na Biblioteca, de carácter bimensual, poden anotarse xa na Casa da Cultura
Valdoviño, 19 de xaneiro do 2023. O Concello de Valdoviño abre inscricións na II edición do Foro Galego-Literario que guiará de novo o escritor Antón Cortizas. Unha serie de encontros bimensuais na Biblioteca nos que participarán os autores e autoras das obras seleccionadas previamente en cada sesión. Así, as persoas interesadas en tomar parte poden anotarse na Casa da Cultura, no teléfono 981 48 76 66 ou correo electrónico cultura@concellodevaldovino.com, ou mesmo participando na primeira xornada, prevista para o próximo mércores, 25 de xaneiro, ás 17:30 horas.
Con este programa, búscase achegar a literatura galega ao público e analizar as obras dos nosos escritores coetáneos, ademáis de fomentar o intercambio de sensacións lectoras, posto que cada historia muda segundo quen a le. Sempre, co papel por diante, xa que neste foro os ebooks teñen a batalla perdida.