Inscricións abertas no curso Atención especializada en Alzhéimer e Demencias dirixido a familias de persoas dependentes
Terá lugar no centro sociocomunitario, os días 30 de novembro e 1 de decembro, en horario de tarde e con participación gratuíta
Valdoviño, 21 de novembro do 2022. O Concello de Valdoviño abre inscricións no curso “Atención Especializada en Alzhéimer e Demencias”, dirixido a familias e coidadores/as de persoas afectadas de deterioro cognitivo e dependentes en xeral. Celebrarase os días 30 de novembro e 1 de decembro, de 16:30 a 18:30 h no centro sociocomunitario. Impartido por Afal Ferrolterra, a participación é gratuíta, con inscrición previa no departamento municipal de Servizos Sociais -981 48 70 41 ou correo servizos.sociais@concellodevaldovino.com-. Esta acción formativa é posible grazas ao acordo de colaboración asinado entre a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol e Afal, e o apoio do Concello de Valdoviño.
Na primeira das sesións tratarase dun xeito moi práctico as mobilizacións e transferencias da persoa dependente, as mellores posturas para previr problemas circulatorios e cutáneos derivados do encamado/a e os materiais existentes para previr esa problemática. Tamén se abordarán as técnicas para mover, cambiar de lugar e sentar á persoa enferma de maneira que non haxa ningún tipo de lesión nin no/a enfermo/a nin no/a coidador/a.
Na segunda sesión, abordarase a sintomatoloxía e os sinais que poden anticipar un deterioro cognitivo; describirase como adoitan cursar as demencias centrándose principalmente nas distintas fases do alzhéimer e nas alteracións de comportamento, ademais de realizarse un repaso ás terapias non farmacolóxicas que poden retrasar a súa evolución.