Inscrición aberta no Obradoiro “Meu corpo miñas regras. Un acompañamento respectuoso da menstruación”

Dirixido a pais, nais, persoas responsables de crianzas, así como persoas interesadas na súa educación, celebrarase o 11 de marzo ás 17 h

No marco da programación «Somos e contamos» coa que o Concello de Valdoviño conmemorará o Día Internacional da Muller, a Casa da Cultura acollerá a conversa «Meu corpo miñas regras. Un acompañamento respectuoso da menstruación». Será o xoves 11 de marzo ás 17 horas, e está dirixida a pais, nais, persoas responsables de crianzas, así como persoas interesadas na súa educación. Guiada por Sabela Maceiras, do gabinete de sexoloxía Con mucho gusto, para a acción optouse por un formato grupal no que se favoreza unha conversa aberta e profunda sobre esta temática, intercambiando información e preguntas entre Maceiras e as familias. 

As persoas interesadas en tomar parte poden reservar a súa praza no departamento municipal de Servizos Sociais chamando ao teléfono 981 48 76 66 extensión 5 ou enviando un correo electrónico a servizos.sociais@concellodevaldovino.com. 

A actividade inclúese no Programa Municipal de Igualdade e Prevención de Violencias Machistas Somos e Contamos, co apoio do Pacto de Estado contra la Violencia de Género. 

O obxectivo desta primeira conversa é proporcionar ás familias información e mecanismos para que leven a cabo un acompañamento o máis enriquecedor posible tanto para elas como para as crianzas, do proceso de crecemento e da chegada da menarquia. Ademais, con esta acción búscase incidir na importancia de proporcionarlle ás crianzas unha educación sexual consciente e de calidade; facilitar información sobre a menstruación; ofrecer unha visión positiva sobre o ciclo menstrual; desmontar mitos e falsas crenzas que seguen a perpetuarse sobre a regra; favorecer unha visión crítica sobre a información e as mensaxes que lle chega ás crianzas antes, durante e despois da primeira menstruación; incidir na importancia de implicar a todas as persoas na educación menstrual; fomentar que as familias aborden este tema con naturalidade; transmitir a importancia de aprender a identificar, diferenciar e expresar as diferentes emocións, sentimentos e sensacións nas diferentes etapas do ciclo para autoxestionarse e xestionar as relacións coas demais persoas da maneira saudable e satisfactoria posible, e ofrecer unha visión positiva do feito de ser persoas cíclicas, e normalizar e naturalizar os diferentes procesos persoais.