Inscrición aberta na ruta guiada ó banco marisqueiro de Vilarrube que organiza o Concello de Valdoviño o martes 16 de agosto
O itinerario inclúese no proxecto “Valdoviño Mar” que impulsa co apoio do GALP A Mariña-Ortegal e o Fondo Europeo e Marítimo de Pesca
Valdoviño, 12 de agosto de 2022. O Concello de Valdoviño propón unha nova ruta guiada ó Banco Marisqueiro de Vilarrube para o vindeiro martes, 16 de agosto. De dificultade baixa e duración estimada dunhas 3 horas, partirá do aparcadoiro do miradoiro de Casa Caneiro, en Pantín, ás 10 horas. Ó longo dos seus 4 quilómetros, as persoas participantes poderán achegarse á historia, evolución e dinámica das mariscadoras locais, que teñen en Vilarrube o seu centro principal de traballo.
A participación é gratuíta, pero é preciso reservar praza na Oficina Municipal de Turismo ou chamando ó teléfono 981 48 76 73.
O programa de rutas guiadas inclúese no proxecto «Valdoviño Mar», que o Concello impulsa co apoio económico do GALP A Mariña-Ortegal e o Fondo Europeo e Marítimo de Pesca (FEMP).