Inscrición aberta na charla “Rompe o silencio frente á violencia de xénero no rural” que terá lugar o xoves 28 en Valdoviño
Promovida pola Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia, inclúese no programa “Abrindo portas para as mulleres xordas do rural”
Valdoviño, 21 de outubro de 2021. Valdoviño acollerá o vindeiro xoves 28 de outubro a charla «Rompe o silencio frente á violencia de xénero no rural». Será no auditorio da Casa da Cultura, en horario de 11 a 13 h, organizada pola Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia coa colaboración do Concello e o apoio económico da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader). Con entrada gratuíta, é preciso inscribirse previamente ben no teléfono de Servizos Sociais (981 48 70 41 ext.5), ben no enderezo electrónico servizos.sociais@concellodevaldovino.com e empleo@faxpg.es ben no teléfono accesible para persoas xordas 604 028 598. Unha charla na que se abordarán as diferentes manifestacións e formas de violencia de xénero e ofrecerá información sobre os recursos e servizos que as vítimas teñen ao seu alcance.
A charla inclúese no programa «Abrindo portas para as mulleres xordas do rural», e parte do feito diferencial de que as mulleres con discapacidade do rural son máis vulnérables a sufrir violencia de xénero que outras, pero aínda por riba as mulleres xordas sofren tamén illamento social por falla de accesibilidade comunicativa que lles impide expresar e compartir as súas emocións dunha forma máis libre e aberta. Por iso, romper o silencio entre todos e todas é fundamental para a prevención e loita contra a desigualdade e as condutas violentas.