Iniciativas para promover estilos de vida saudables entre as novas xeracións de Valdoviño

O proxecto “Hábito de mar” está financiado polo GALP A Mariña – Ortegal

Valdoviño, 11 de novembro do 2024. Durante as tres anualidades do proxecto “Hábito de Mar” desenvolveranse varias accións específicas para a promoción do litoral, a súa biodiversidade, os espazos extractivos e produtivos e as xentes do mar, así como a adquisición de hábitos de vida saudables, incidindo sobre todo nas novas xeracións do concello.

A primeira destas actuacións é a elaboración dun caderno de actividades dirixido as e os escolares de Valdoviño, con información visual e práctica sobre estas temáticas. Estes cadernos servirán de complemento ós obradoiros que se levarán nos centros do territorio, onde se traballará, nunha primeira sesión, nas bases dunha alimentación sa a través do consumo de produtos locais e coa colaboración de cociñeiros/as do territorio. A continuación, incidirase nas claves para ter unha vida activa. En ambas sesións farase fincapé, ademais, no coidado dos recursos do litoral, a biodiversidade e o medio mariño como elementos clave para unha alimentación e vida sa.

O concello de Valdoviño vén de desenvolver obradoiros sobre diferentes temáticas cos escolares do centro a través de proxectos como “Valdoviño Mar, futuro a toda costa”, “Ares e Valdoviño no Mar”. Ten ademais proxectados obradoiros para a iniciativa recentemente aprobada “Ondas de Sabor”, así como ten realizado actividades guiadas en colaboración co OSM.

Como complemento, dentro deste proxecto, está programada a celebración dun certame escolar, onde o alumnado poderá desenvolver unha proposta creativa sobre hábitos de vida saudable, poñendo en práctica os coñecementos adquiridos nos obradoiros.

«Hábito de Mar» é un proxecto impulsado polo Concello de Valdoviño para a obtención das axudas do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, a través do GALP A Mariña – Ortegal.