Inícianse as obras de reforma do centro de saúde

Reuníanse esta mañá os responsables da Dirección de Atención Primaria e de Enfermaría da Área Sanitaria de Ferrol co alcalde de Valdoviño para valorar o inicio das obras nos vindeiros días

Valdoviño, 12 de novembro de 2021. Inícianse as obras de mellora no centro de saúde de Valdoviño. Responsables das direccións de Atención Primaria e de Enfermaría da Área Sanitaria de Ferrol reuníanse no centro de saúde este mañá co alcalde desta localidade, Alberto González Fernández, para abordar as distintas actuacións de cara a convivencia da asistencia sanitaria coas obras de mellora que comenzarán nos vindeiros días neste centro. 

Estas obras son o resultado cun convenio de colaboración asinado o pasado mes de xuño entre o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde de Valdoviño, Alberto González Fernández, no que se establecían as bases para o financiamento conxunto destas obras. Finalmente, como indicaba o alcalde esta mañá na sinatura da acta de replanteo, esta obra foi adxudicada por un importe de 250.000 euros. Deste xeito, o persoal e os pacientes do centro de saúde de Valdoviño contarán, a partir do vindeiro ano, cunhas instalacións e máis confortables e accesibles. O centro de saúde de Valdoviño conta con 5.427 tarxetas sanitarias, das que 473 son de pediatría. 

Como xa figuraba no convenio, as obras previstas consisten nunha importante reforma da fachada, que se limpará con auga a presión, eliminaranse todos os materiais soltos ou mal adheridos, e colocaranse viseiras ou parasois nos ocos das ventás. Tamén se reformará a carpintería exterior, utilizando xanelas con rotura da ponte térmica, boa estanquidade e vidros de seguridade no andar baixo. Con esta actuación, búscase, ademais de corrixir as deficiencias detectadas, mellorar a confortabilidade e a eficiencia enerxética do centro. 

Ademais, incluíuse a construción dunha nova cuberta no acceso procurando unha mellor resposta ás inclemencias do tempo, e mellorarase o acceso de emerxencia adaptándoo para persoas con mobilidade reducida, e estas últimas accións son financiadas polo propio Concello. 

Máis obras anteriores neste mesmo centro 

O Concello e o Sergas xa colaboraron para acometer reformas interiores importantes. Así, estas intervencións veñen a se sumar ás realizadas durante os últimos anos neste centro como a reorganización dos espazos do segundo andar, que permitiu a reforma e ampliación da consulta para a matrona, cunha nova sala para educación maternal (que non existía); unha consulta e unha sala de estar para os profesionais, e unha sala de extraccións. Ademais, no exterior, acometéronse actuacións sobre a cuberta para evitar humidades e, tamén, unha mellora da zona de entrada para dar solución ós problemas de accesibilidade dende a beirarrúa.