Inauguración en Valdoviño da exposición “Calma en el caos” de Marga Abadía

O acto terá lugar este xoves ás 19:30 h na Casa da Cultura, con entrada libre e presenza da pintora e, a partir de entón, poderá visitarse ata o 27 de xuño de luns a domingo de 12 a 14 horas

Valdoviño, 1 de xuño de 2022. A Casa da Cultura acollerá mañá xoves, ás 19:30 horas, o acto de inauguración da exposición «Calma en el caos», da pintora Marga Abadía. No mesmo, a pintora vallisoletana residente en Pantín actuará de guía de excepción para o público asistente e, a partir de entón, a mostra poderá visitarse ata o 27 de xuño de luns a domingo de 12 a 14 horas. 

Pupila de Eduardo Hermida, alma máter das Meninas de Canido, Marga Abadía ten realizado diversas exposicións coas súas obras e participado en eventos de arte na rúa como o que se celebra en Ferrol ou os murais da Ruta do Impresionismo de Francisco Lloréns. Precisamente Eduardo Hermida, que asina o texto de presentación do catálogo, avánzanos nel que Marga amosaranos na súa expo «o oficio, traballo e constancia do último ano, no que o cambio no que soe guiar a súa actividade creativa levouna a un mundo máis directo. Un novo mundo sen adornos nin ornamentos porque xa non os precisa. Ese longo camiño condúcea cara o que nos amosará en Valdoviño, como un paseo pola súa longa praia na que por cada metro percorrido aparece unha nova emoción que hoxe comparte». Continúa sinalando que da artista que «na súa osadía ten empregado o negro como unha cor, sen prexuízos nin riscos indebidos, convertíndoo nunha parte máis do cadro que evitar devorar aos que no cadro habitan». «Abadía amósanos unha obra valente e ben estruturada porque o seu traballo camiña coa seriedade dunha artista que atopa o seu linguaxe e hoxe fainos dialogar dunha maneira directa co interior dos seus soños», conclúe Hermida.