Homenaxe a Concepción Arenal este sábado en Valdoviño coa montaxe teatral con monicreques “Fábulas da montaña”

As invitacións para asistir á función, dirixida a un público familiar, poden retirarse a partir de hoxe, e ata completar aforo, na Casa da Cultura

A compañía Larraitz Producións Artísticas trae a Valdoviño este sábado as súas «Fábulas da montaña», unha montaxe teatral con monicreques coa que renden homenaxe neste 2021 a Concepción Arenal. A función está dirixida a un público familiar, e dará comezo a partir das 19 horas na Casa da Cultura.

O aforo está limitado por mor dos protocolos de prevención fronte á covid-19, e as persoas interesadas en asistir poden retirar a súa invitación na Casa da Cultura hoxe e martes de 16 a 20 horas e mércores e xoves de 11 a 14 h e de 16 a 20 h. 

O espectáculo, creado e dirixido por Inacio Vilariño, contará con dous artistas en escena. Larraitz Urruzola, interpretando a Concepción Arenal, narrará con monicreques momentos da infancia da pensadora, poeta e tamén autora dramática, así como adaptacións das súas fábulas, acompañada ao piano por Merran Laginestra, que fai as veces de amiga da artista e que interpretará varios temas populares e de Marcial do Adalid en directo.