Hábito de mar: Promoción do produto mariñeiro como fonte de saúde e hábitos de vida saudable
Trátase dun proxecto presentado polo Concello de Valdoviño e financiado polo GALP A Mariña – Ortegal
Valdoviño, 9 de novembro do 2024. O proxecto “Valdoviño–Hábito de mar” ten como obxectivo principal a promoción de hábitos de vida saudables a través do consumo de produtos locais e alimentos de proximidade, poñendo especialmente o foco na pesca local e o fomento da actividade física en combinación cunha alimentación equilibrada.
A iniciativa recolle diferentes actividades orientadas ao fomento do consumo e elaboración de produto pesqueiro local entre diferentes xeracións; a potenciar a alimentación saudable dos nenos e nenas, a promover o envellecemento saudable activo e á implicación da hostalaría-restauración local no desenvolvemento de diferentes actividades.
A través da iniciativa favoreceranse as colaboracións entre os diferentes sectores locais: pesqueiro, hostaleiro, educativo, administracións públicas, etc. Traballarase conxuntamente na posta en valor dos produtos locais, os recursos naturais e as actividades vinculadas aos mesmos, a partir da promoción de hábitos de vida saudables.
Deste xeito o proxecto permite non só poñer en valor o produto local pesqueiro, senón ademais, achegar ás novas xeracións hábitos de vida máis saudables a través de receitas baseadas en produtos de KM0 e da promoción da actividade física, que ademais poderán transmitir dentro da súa familia, engadindo un valor multiplicador ao proxecto entre xeracións.
«Hábito de mar» é un proxecto impulsado polo Concello de Valdoviño para a obtención das axudas do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, a través do GALP A Mariña – Ortegal.