Galicia, capital do surf cunha tripla coroa de probas internacionais en Ferrol, Pantín e Razo

Xunta, Deputación da Coruña e os concellos de Ferrol, Valdoviño e Carballo unen forzas coa WSL  para que a costa galega sexa referente internacional en deporte inclusivo e turismo sustentable

Valdoviño, 6 de xuño de 2024. Tres probas, tres praias e tres oportunidades para desfrutar en directo das e dos mellores surfistas internacionais competindo nas nosas costas este verán da man da Liga Mundial  de Surf (WSL) que volve a escoller Galicia como escenario para a celebración dos tres eventos  internacionais.

Este mediodía tiña lugar en Santiago de Compostela a presentación dos tres campionatos que se van  desenvolver de xuño a setembro en Ferrol, Pantín (Valdoviño) e Razo (Carballo) nun acto do que participaron todas as Administracións públicas -autonómica, provincial e local- que pulan  xuntas polo surf en Galicia: Xunta, Axencia de Turismo de Galicia, Deputación da Coruña e os alcaldes  dos Concellos de Carballo, Valdoviño e Ferrol.

A Coruña, con 956 quilómetros dunha costa a mar aberto, con orientacións acaídas para case todos os eventos, será o escenario das tres competicións: a tripla coroa de probas da WSL en España.

GADIS LONGBOARD FESTIVAL FERROL. O primeiro terá lugar o vindeiro fin de semana, do  13 ao 16 de xuño, en As Cabazas-A Fragata, en Ferrol, onde xa avanzan as tarefas de montaxe  para o Gadis Longboard Festival, que máis aló do surf é todo un evento de música en directo e  actividades paralelas complementarias á competición que arrinca o xoves cos triais galegos.

ABANCA PANTIN CLASSIC GALICIA PRO. Chegará a finais de agosto ás costas de Valdoviño, do 24 ao 1 de setembro, con 9 días de intensa competición internacional nunha proba que destaca no  circuito mundial pola súa categoría e nivel.

CABREIORÁ JUNIOR PRO RAZO. Por último, o calendario péchase en Razo (Carballo), do 24 ao  28 de setembro co Cabreiroá Junior Pro, repetindo a exitosa experiencia do ano pasado en  tempo, olas e asistencia.

Son as datas que desvelou hoxe Yago Barreto, director do evento ao fronte da organización da WSL en España, celebrando a simbiose institucional entre Administracións Públicas e patrocinadores privados para pular pola capitalidade de Galicia no surf no mundo.

“As ondas están aí, son un agasallo da natureza e un espazo privilexiado que debemos aproveitar máis porque o deporte, o surf, tamén incide na sociedade e xera economía”, manifestou Evencio Ferrero, rexedor de Carballo.

“Estamos a falar dunha cita única que se celebra nas nosas costas, e que é posible grazas ao traballo conxunto da organización”, manifestou o rexedor de Ferrol, José Manuel Rey. “Ferrol é o destino perfecto para aqueles que busquen telo todo nun só lugar”.

Pola súa banda, o alcalde de Valdoviño, Alberto González, quixo lembrar hoxe os anos de historia da proba de Pantín na costa galega, xa moi consolidada como Festa de Interese Turístico de Galicia  desde 2016 e que este ano chega á 37 edición. Subliñou, ademais, o seu efecto “transversal máis aló  do deporte na sociedade local e polo seu efecto tractor”.

Desde a Deputación, o seu vicepresidente, Xosé Regueira, destacou a gran oportunidade que supón para Galicia o escaparate das probas da WSL: “captar un turismo diferente: responsable, sustentable e respectuoso co territorio”.

Por último, Martina Aneiros, en representación da Xunta, acompañada do xerente da Axencia de Turismo de Galicia, Antonio Casas, fixo fincapé no carácter igualitario, inclusivo e accesible das probas galegas”, animando á cidadanía a sumarse á celebración dos tres eventos que, ademais da competición, levan aparelladas un montón de actividades paralelas desde música en directo de grupos locais, obradoiros, bautismos de surf e outras moitas propostas para grandes e cativos.