Fran Amil presenta en Valdoviño “Popsía”, o seu último proxecto musical co que quere achegar os clásicos da lírica galega

Estará acompañado de Fernando Román -saxo soprano e cavaquinho- e Alberto Romero -guitarra eléctrica-, cos que actuará este venres ás 20,30 h no auditorio da Casa da Cultura

Valdoviño, 9 de marzo de 2022. O proxecto musical «Popsía» de Fran Amil chega este venres 11 de marzo a Valdoviño. Poesía e música danse a man nun formato trío: Fran Amil (voz solista, guitarra acústica e percusión electrónica); Fernando Román (saxo soprano e cavaquinho), e Alberto Romero (guitarra eléctrica). Será a partir das 20,30 h no auditorio da Casa da Cultura, con entrada libre ata completar aforo. A función programada polo Concello conta co apoio da Deputación provincial da Coruña. 

O concerto deste venres permitiranos realizar un percorrido pola lírica galega dende o século XIII ata finais do século XX, con textos de Mendiño, Afonso X O Sabio, Rosalía de Castro, Leiras Pulpeiro, Antón Tovar, Luis Amado Carballo, Xosé María Díaz Castro, Avilés de Taramancos, Valle-Inclán, Manuel María e Celso Emilio Ferreiro en clave pop, rock, soul e funky. Unha aproximación a clásicos da lírica galega de tódolos tempos á sensibilidade do século XXI. Rimas de sempre a ritmos actuais.