Fin de curso “artístico” en Punta Frouxeira do CRA de Valdoviño
A celebración formará parte dunha exposición na que traballaron todo o curso
Valdoviño, 29 de xuño do 2023. As escolas unitarias de Lago, Taraza e Vilarrube integradas no CRA de Valdoviño celebraron este ano por todo o alto a súa xornada de convivencia coa participación das familias. Unha xornada coa que, como é tradición, poñían punto final ao curso escolar. Nesta ocasión, leváronna ata Punta Frouxeira. Non foi casualidade, a contorna e o faro forman parte do proxecto artístico no que o alumnado estivo a traballar nas aulas durante todo o curso, guiados polo artista multidisciplinar David Catá. Un traballo que mistura arte e memoria, recuperando a historia de espazos significativos como este, un referente no concello. E un proxecto que nace dos cursos de formación do profesorado do CFR de Ferrol, en común co grupo de investigación da Universidade da Coruña Arte-Facto, co profesor José María Mesías á cabeza.
Así, unindo memoria e arte desenvolveron unha morea de actividades e iniciativas neste curso, que o propio David Catá foi captando a través da súa cámara. Os traballos realizados nas aulas, e a documentación audiovisual do artista de Viveiro, formarán parte en 2024 dunha exposición no Museo Luis Seoane, na Coruña, da que se irán desvelando detalles en próximas datas.
Na xornada de convivencia, amáis deste proxecto artístico, non faltou a andaina, a música cun concerto da Orquestra Pantasma, e a comida de confraternización.