Festival solidario a beneficio de La Palma

A Asociación de Mulleres do Rural María del Mar Becerra promove a cita, que terá lugar o 4 de decembro ás 17 horas na Casa da Cultura de Valdoviño

Valdoviño, 19 de novembro de 2021. A Casa da Cultura de Valdoviño acollerá un Festival Solidario a Beneficio de La Palma o próximo 4 de decembro, a partir das 17 horas. A cita está organizada pola Asociación de Mulleres do Rural María del Mar Becerra, unha entidade que sempre amosa a súa cara máis solidaria. Contan coa colaboración da Agrupación Local de Voluntarios de Protección Civil e a axuda dun bo número de artistas. Entre eles, a do showman Dani Ríos, que se encargará de presentar e conducir a gala. 

O festival conta cun cartel de luxo, coa participación de Jorge Latino, Los Nostálgicos, Lázaro, Cuarentuna Oro, Andrés Balado -moi coñecido pola súa participación no programa televisivo La Voz-, integrantes do grupo A Roda, Joaquín Enríquez e Eva Faraldo.

Unha forma de colaborar e, ao mesmo tempo, pasar unha tarde entretida, desfrutando das mellores voces e interpretacións musicais e de danza. As entradas xa están á venda ao prezo único de 4 euros (chamando ao 604 06 41 80 ou 600 8436 60). Ademais, a asociación fai un chamamento para que aqueles que non poidan acudir pero desexen colaborar realicen o seu donativo igualmente polas vías habilitadas.