Festival folclórico este sábado en Lago

Organizado pola Asociación Cultural e Recreativa Veciños de Lago, contará coas actuacións da Asociación Folclórica “O Carballo das Cen Pólas” de Redondela e da Agrupación Folclórica local “Álvaro Cunqueiro”

O campo da festa de Lago será escenario este sábado 4 de setembro do I Festival Folclórico «Álvaro Cunqueiro». Organizado pola Asociación Cultural e Recreativa Veciños de Lago, dará comezo ás 19,30 horas, coa actuación dos grupos de baile, cantareiras e banda de gaitas da Asociación Folclórica «O Carballo das Cen Pólas» procedentes de Redondela, e continuará coa formación local, a Agrupación Folclórica «Álvaro Cunqueiro» de Valdoviño. A entrada é libre, ata completar o aforo permitido. 

A asociación recupera así un festival con ampla tradición tras uns 15 anos de parón, coa clara intención de consolidalo no tempo e celebralo con carácter anual, ampliando tamén grupos e formacións unha vez que a situación o permita. Con esta aspiración traballan de modo que a cita en Lago se convirta nun escaparate da actividade que desenvolven, animando especialmente á xente moza a sumarse, e tamén corresponder así ás invitacións que reciben para participar noutros festivais polo resto de Galicia.