Feirón especial edición Nadal este domingo
A Asociación de Mulleres do Rural María del Mar Becerra, coa colaboración do Concello, organiza a cita na Porta do Sol, que se sumará ao tradicional mercadillo de fin de mes o día 29
Valdoviño, 19 de decembro do 2024. A Asociación de Mulleres do Rural María del Mar Becerra organizará neste mes de decembro unha edición especial Nadal do Feirón mensual. Será este domingo 22 de decembro na Porta do Sol, durante toda a mañá. A cita, na que colabora o Concello de Valdoviño, sumarase ao tradicional mercadillo de fin de mes, que se mantén tamén no calendario local para o día 29.
Ademais, este domingo, o feirón volverá contar co posto dos alumnos e alumnas de 4º curso da ESO do CPI Atios, co que buscarán recadar fondos para axudarlles a alixeirar os custes da excursión de fin de curso. Venderán doces caseiros e manualidades feitas por eles, entre outros produtos que ben se poderían converter no detalle perfecto para poñer baixo a árbore de Nadal.