Feirón e espectáculo de títeres este domingo na Porta do Sol de Valdoviño
A Concellería de Cultura programa unha das funcións do Festival Internacional de Entes Animados neste espazo, coincidindo co mercadillo de finais de mes que promove a Asociación de Mulleres María del Mar Becerra
Valdoviño, 25 de setembro do 2025. A Porta do Sol de Valdoviño será escenario este domingo dunha nova edición do Feirón mensual. Organizado pola Asociación de Mulleres do Rural María del Mar Becerra co apoio do Concello, celebrarase durante toda a mañá na explanada sita fronte á Casa Joselito, e nesta ocasión, contaremos cun aliciente máis para achegarnos á cita.
A Concellería de Cultura programa neste espazo unha das funcións que trae este ano a Valdoviño o Festival Internacional de Entes Animados. Así, a partir das 12:30 horas, a compañía arxentina Pizzicatto convidará ao público a asistir á representación da obra «O Cabaleiro sen Cabalo». Trátase dunha historia de acción e disparates en tempos medievais que se remonta a unha época máxica chea de misteriosos seres e castelos encantados.
