Familias e Concello demandan ao Sergas que acabe cos “recortes” no servizo de pediatría de Valdoviño
Indican que actualmente a titular da praza no centro de saúde local está a maior parte da semana pasando consulta na veciña vila de Cedeira
Valdoviño, 18 de marzo do 2023. Familias con nenos e nenas do municipio trasladaron onte ao alcalde de Valdoviño, Alberto González, o seu malestar polas deficiencias que se veñen producindo nas últimas semanas no servizo de pediatría do centro de saúde local. O xerme do problema non é outro que a decisión do Sergas de que a titular da praza teña que desprazarse a maior parte da semana ao centro de Cedeira para atender alí aos pequenos desa localidade. O Concello contactará de forma inmediata coa Xerencia da Área Sanitaria para abordar o tema.
Segundo denuncian os nais, dos cinco días de atención semanal, a profesional con praza en Valdoviño, pasa tres días en Cedeira. Unha situación que deixa como principais damnificados aos nenos e nenas valdoviñeses. Nas xornadas nas que a pediatra está desprazada os pequenos son atendidos polos médicos de familia do centro, cunha plantilla minguada pola baixa dun destes profesionais, o que deriva nunha situación de saturación.
O Concello fai súa a preocupación das familias e contactará de inmediato coa Xerencia da Área Sanitaria para pedir solucións. Goberno local e nais e pais demandan que se recupere o servizo en Valdoviño todos os días da semana, como corresponde, aínda que ante a falta de cobertura en Cedeira se atendan no centro local aos rapaces da vila veciña.
O rexedor e as familias reclaman que se poñan fin aos recortes que se están a producir na prestación deste servizo en Valdoviño e demandan que o Sergas garanta unha adecuada atención aos pacientes menores por parte da pediatra que fai o seu seguimento. “Non pode ser que os nenos de Valdoviño paguen a falta de pediatra en Cedeira”, indica o alcalde.
Finalmente, dende o Concello volven insistir na necesidade de que todos a veciñanza dea de alta a súa tarxeta sanitaria en Valdoviño. Unha medida que pode resultar clave á hora de determinar o aumento de persoal para ofrecer un mellor servizo e atención.