Explora Valdoviño. Deseño dun programa de rutas sobre a biodiversidade do litoral

Esta actividade está recollida no proxecto Explora Valdoviño; unha iniciativa presentada ao GALP A Mariña – Ortegal

Valdoviño, 15 de novembro do 2024. Dentro do proxecto «Explora Valdoviño», nesta anualidade de 2024 deseñáronse 4 rutas temáticas polo litoral do concello, como unha alternativa de ocio activo para a poboación local e visitante. Estas rutas mesturan a divulgación sobre diferentes temáticas de interese do litoral, a posta en valor dos recursos da contorna e o turismo activo.

A primeira delas está centrada na biodiversidade do litoral, concretamente sobre a riqueza da zona de especial conservación ZEC – Costa Ártabra e as zonas de especial protección para as aves ZEPA Costa de Ferrolterra – Valdoviño, destacando toda a área da lagoa e o areal da Frouxeira, sendo esta unha das zonas húmidas de Galicia incluídas dentro da Convención Ramsar (acordo polo que se debe protexer certas zonas de importancia internacional)

Tamén se deseñou unha ruta sobre a actividade mariñeira do concello, percorrendo os diferentes espazos extractivos do litoral comezando no miradoiro de San Xiao, no comezo da coñecida como Senda das Ondas. Neste percorrido poderemos desfrutar de espectaculares vistas ó areal de Vilarrube e á costa de Pantín, lugares de gran importancia para percebelleiros e mariscadoras.

O terceiro dos itinerarios pon o foco na concienciación da contaminación a través da natureza, transcorrendo ós pés do rego das Ferrerías, zona de gran valor natural e dende o miradoiro do Penedo, lugar dende onde poñer en valor a importancia de coidar recursos naturais de especial relevancia como poden ser o Xeoparque Mundial UNESCO Cabo Ortegal.

A última das rutas deseñadas está focalizada no patrimonio vinculado ó mar, para coñecer aquelas construcións, edificios ou espazos que contan unha parte da historia local vinculada ó mar. O punto de partida serán as inmediacións do faro de Punta Frouxeira, onde poderemos atopar vestixios vinculados ó mar como o propio faro ou as antigas minas de arsénico de principios do século XX.

Estes itinerarios levaranse á práctica nos próximos dous anos, ofrecendo varias saídas aptas para todos os públicos.

«Explora Valdoviño» é un proxecto impulsado polo Concello de Valdoviño para a obtención das axudas do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, a través do GALP A Mariña – Ortegal. Ademais deste proxecto, Valdoviño ten aprobados outros tres para as próximas anualidades, incluíndo “Hábito de mar: promoción do produto mariñeiro local como fonte de saúde e hábitos de vida saudables”, centrado na promoción de hábitos de vida saudables a través do consumo de alimentos de proximidade, poñendo especial foco na pesca local e fomentando a actividade física xunto cunha alimentación equilibrada.