Explora Valdoviño. Descubrindo a riqueza do litoral a través dun programa de rutas tematizas
Este proxecto foi presentado polo concello de Valdoviño e será financiado polo Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura a través das axudas concedidas GALP A Mariña – Ortegal durante os anos 2024-2025-2026
Valdoviño, 14 de novembro do 2024. O proxecto “Explora Valdoviño” baséase na promoción de actividades de natureza para a posta en valor das características diferenciais do territorio litoral. Con este cometido deseñouse un programa de rutas tematizadas pola costa co obxectivo de dar visibilidade e poñer en valor os recursos tanxibles e intanxibles de Valdoviño, concretamente mediante o deseño de catro itinerarios centrados na biodiversidade, a actividade mariñeira, a concienciación ambiental e o patrimonio ligado ao mar. Para complementar esta actividade, nesta anualidade deseñouse ademáis a imaxe gráfica do proxecto, composta por un logotipo que convida á exploración e a realización de actividades ao aire libre.
O principal obxectivo desta iniciativa é promocionar o patrimonio mariñeiro de Valdoviño dende distintos ámbitos, creando produtos turísticos sostibles que axuden a desestacionalizar a actividade turística, crear relacións positivas co entorno e repercutir positivamente no desenvolvemento local. As saídas deseñadas ofertaranse nos próximos anos e estarán dirixidas ó público xeral, tanto local como foráneo, que busque coñecer de primeira man o patrimonio deste concello dende distintos puntos de vista.
Deste xeito o proxecto “EXPLORA VALDOVIÑO” traballará na posta en valor do litoral do GALP A Mariña-Ortegal, destacando a cultura mariñeira e marisqueira da zona como parte indispensable dos valores propios do territorio; na concienciación sobre a riqueza natural, en materia paisaxística e de biodiversidade litoral, e na importancia do coidado e uso sostible destes recursos naturais mariñeiros.
«Explora Valdoviño» é un proxecto impulsado polo Concello de Valdoviño para a obtención das axudas do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, a través do GALP A Mariña – Ortegal. Ademais deste proxecto, Valdoviño ten aprobados outros tres para as próximas anualidades, incluíndo “Un océano de posibilidades: dinamización do Océano Surf Museo”, o cal contribuirá a dinamizar a actividade do museo, o primeiro e único museo do territorio nacional vinculado exclusivamente ao surf.