Exitosa participación da Asociación deportiva Rodaballo no Open Mar Costa de Veteranos

Ocuparon as primeiras posicións da clasificación, asegurándose tres deles o pase ao Campionato de España

Integrantes da Asociación deportiva Rodaballo, con sede en Valdoviño, asinaron o pasado sábado unha excelente participación no Open Mar Costa Veteranos 2020. Na proba, convocada pola Federación  Galega de Pesca e Casting, os participantes da agrupación coparon as primeiras posicións da clasificación, asegurándose tres deles o pase ao Campionato de España.

Os deportistas de Ferrolterra sobresaíron na competición, destinada a maiores de 55 anos e disputada na praia de Langosteira, en Fisterra. E aínda que ao máis alto do podio subiu Francisco Javier Mareque, do clube O Escarapote, de Narón; este estivo flanqueado por deportistas de Rodaballo.

Así, Juan Carlos Couce Castro fíxose coa segunda praza; José Luis Sobrado Soto foi terceiro. E Gonzalo Rubi Blanc, cuarto. Todos eles clasifícanse para o Campionato de España que se celebrará o próximo ano, se a situación sociosanitaria o permite. Mentres, Francisco Dopico Amado, tamén de Rodaballo, ocupou a quinta posición.

Desde o Concello de Valdoviño trasladan a súa felicitación aos veteranos do Rodaballo, con sede na parroquia de Meirás, pola súa destacada participación nesta proba deportiva, desenvolvida, segundo apuntan desde a asociación, baixo estritas medidas de prevención fronte á covid-19.

 

 

.